A un paso do precipicio. Análise do Brexit ao día de hoxe

A un paso do precipicio, co chan esvaradío e as persoas que están ao mando do vehículo sufrindo un ataque de nervios. Así podería definirse a situación política británica a poucos días dunha data decisiva para o acordo negociado polo goberno de Theresa May coa UE, que será sometido a votación o vindeiro martes día 15.

As novas máis recentes son as dúas derrotas parlamentarias do goberno de May a mans dunha coalición bipartidista de conservadores e laboristas que só se pode definir de momento como unha alianza interesada no fracaso do plan de May e oposta tamén ao Brexit duro sen acordo, pero aínda non como unha alianza para un segundo referendo. A primeira das dúas mocións aprobadas obriga ao goberno a contar co apoio do parlamento en calquera gasto relacionado cunha posible saída da Unión sen acordo. A segunda, máis decisiva aínda, impide a May continuar aos mandos do proceso coas tácticas dilatorias que vén empregando dende que a mediados de decembro se cancelou a votación do acordo na Cámara dos Comúns, que estaba prevista para esas datas. En resumo: o que se decidiu na proposta aprobada o mércores 9 de xaneiro é que, se o acordo de May é derrotado o vindeiro martes 15, o goberno debe presentar nun prazo de tres días un plan B. Aclaremos, o que pretendía May era volver presentar o plan xa coñecido ou unha versión apenas modificada do mesmo, seguir cunhas tácticas dilatorias que serían como o “xogo da galiña”, esperando que nos días anteriores ao 29 de marzo, xa moi preto do abismo, ou ben Europa fixese máis concesións ou o Parlamento aceptase finalmente o acordo tal e como está.

Agora o goberno está obrigado a presentar inmediatamente un plan B e as únicas opcións pensables, segundo os expertos na política británica, son o segundo referendo e o plan Noruega plus (entrada na EFTA, a asociación comercial formada por Noruega, Islandia, Suíza e Liechtenstein; aceptación no básico das regras da unión comercial e aduaneira europea e da EFTA, con certa capacidade de negociación; pero asumindo tamén a liberdade de movemento da cidadanía europea) Un plan que sería para os tories do Brexit duro e para os ukipers aínda máis humillante que o plan actual, polo que o segundo referendo gaña terreo. Evidentemente, a maior dificultade para que se plasme esa realidade é o liderado laborista de Jeremy Corbyn, cuxos plans, segundo todas as declaracións recentes, non pasan por traballar por ese novo referendo senón por presentar unha moción de censura (que necesitaría o apoio de deputados/as conservadores ou dos/as nacionalistas escoceses/as e unionistas irlandeses/as), forzar logo eleccións, gañalas e seguir adiante co Brexit, negociando un novo acordo con Europa, todo o cal necesitaría, evidentemente, un aprazamento do prazo da saída británica situado agora no 29 de marzo. E todo indica que estes plans denotan un afastamento da realidade e un wishful thinking non menor que o dos demais actores desta caótica situación.

A situación de fondo que causou esta profunda crise é a división interna dos dous grandes partidos, en non dúas senón en tres correntes claramente diferenciadas en cada un deles. Entre os conservadores, estas serían: 1. os partidarios do Brexit duro, vellos euroescépticos e próximos á extrema dereita do UKIP que queren saír xa de Europa e negociar posteriormente un tratado comercial similar ao CETA asinado recentemente entre Europa e Canadá; 2. un sector europeísta máis partidario da solución Noruega antes mencionada, pero con algúns partidarios até da permanencia en Europa; e 3. a posición da propia May, cuxa supervivencia só pode explicarse por un equilibrio entre as dúas correntes antagónicas xa mencionadas. Só así puido May superar a moción de censura interna no partido presentada fai poucos días. No laborismo a división explícase con eixos e criterios diversos, as vellas diferenzas de correntes esquerdistas e centristas ou até dereitistas, próximas estas aos vellos líderes de amargo recordo para as súas bases, máis o eixo dun europeísmo que a miúdo se relaciona con idades e mentalidades. Deste xeito, existiría: 1. a corrente dereitista e europeísta apenas diferenciada do partido liberal demócrata; 2. a corrente esquerdista euroescéptica que se mantén firme no Brexit e que representa o líder Corbyn; 3. a corrente xuvenil esquerdista, pero europeísta, cuxa mobilización lle permitiu a este obter un bo resultado no 2017.

O caos británico e os debates e divisións internas de cada partido reflicten as contradicións irresolubles da política europea deste momento histórico. Na dereita, unha contradición entre nacionalismo e xestión tecnocrática, entre a austeridade neoliberal das últimas décadas, aínda hexemónica, pero que visiblemente se cambalea, e a súa contestación populista e nacionalista que, no Reino Unido e noutros lugares, provén de sectores desa mesma elite que representa o partido conservador. Na esquerda, a contradición que se vive é a que se dá entre a necesidade (percibida por Corbyn e outros vellos líderes) de saír de Europa para cambiar e a necesidade de cambiar Europa. Non é estraño que sexa entre xente moza onde se sente a posibilidade e a necesidade desa última saída.

Artigo de Fernando Barreiro, activista do DSC Galicia1

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s