Sempre é 8 de marzo, por iso seguimos aquí.

Traducido da súa versión orixinal en castelán publicada na web diem25.org.


O 8 de marzo do 2018 marca un fito na historia da loita das mulleres pola igualdade. Os movementos feministas convocaron un paro que foi secundado en máis de 160 países de todo o mundo. As cifras son realmente asombrosas: en España cinco millóns de persoas formaron unha marea violeta que inundou cada recuncho do país. Un éxito sen precedentes.

Por que se convocou esta folga?

Para denunciar a violencia exercida contra a muller a través dun arrevesado sistema patriarcal e para impulsar os cambios culturais necesarios para protexer as nosas vidas e os nosos dereitos como cidadás en igualdade de condicións e oportunidades.

Porque sabemos que esta loita non comezou ese día, senón que ten a súa orixe moito tempo atrás, tomamos o relevo de todas aquelas que nos precederon, e outras tomarán o noso. Somos conscientes de que esta loita terá un final e que este non será outro que a consecución da igualdade entre mulleres e homes.

En que consistiu este paro global?

A folga vertebrouse en catro eixos fundamentais: Laboral, de Coidados, de Consumo e Estudantil. Baixo o lema “Se paramos nós, párase o mundo”, demostramos que, sen a metade da poboación, o sistema de produción vense abaixo, e con el, a supervivencia do propio sistema capitalista, que se nutre da explotación da muller, xa que realiza os traballos máis precarios e os que quedan sen remunerar no ámbito familiar.

Que aconteceu neste tempo transcorrido dende aquel histórico día até hoxe, xa inmersas na preparación dun novo 8 de marzo?

As mulleres somos conscientes que un cambio de sistema non se acadará nunha soa batalla e que quedan moitas por afrontar.

O máis doloroso é, sen dúbida algunha, que durante este tempo non deixamos de contar cadáveres de mulleres asasinadas. Esa violencia extrema contra nós é o máximo expoñente do machismo levado ás súas últimas consecuencias: o feminicidio. O número de vítimas por violencia de xénero é arrepiante e inadmisible.

Seguimos loitando contra os teitos de cristal, as diferenzas salariais, os roles establecidos, a cousificación dos nosos corpos…

Durante este tempo vimos con preocupación a auxe da extrema dereita. Autócratas que xa non disimulan o seu patriarcado: aí temos aos Trump, Abascal, Orbán, Duterte, Bolsonaro… É unha perigosa mostra do repunte do machismo como resposta reaccionaria á lexítima loita pola Igualdade. Forzas que xa están presentes en máis de dezaoito parlamentos europeos. Por iso, os logros acadados poden sufrir un retroceso: Lei de medidas integrais contra a violencia de xénero, matrimonio igualitario, educación pública e laica, respecto á pluralidade…

Pola contra, o 8 de marzo do 2018 tamén supuxo un claro fortalecemento do movemento feminista, que conseguiu colocar as súas reivindicacións nas axendas dos partidos políticos.

Na primeira liña aparecen cada vez máis mulleres comprometidas e aí temos ao Congreso dos Estados Unidos no que participan 113 representantes e senadoras: Alexandria Ocasio-Cortez, Ilhan Omar, Rashida Tlaib, Sharice Davids… Non só se trata de mulleres que obteñen un elevado rango político, senón que representan a sectores aos que até o de agora lles estaba vetado ese espazo: fillas de inmigrantes, hispanas de orixe, de ascendencia africana, hopis (nativas americanas), musulmás, mulleres pertencentes á Comunidade LGTB… Unha representación que se adecúa mellor ás sociedades actuais.

Mulleres que se asocian e crean movementos na loita de distintas causas: defensa da Terra, contra a usurpación das súas riquezas naturais, contra a violencia ambiental que provoca a avaricia e a depredación sen escrúpulos das grandes multinacionais que ameazan as súas fontes de vida. Moitas delas foron asasinadas e as súas familias acosadas. Mulleres que arriscan as súas vidas para axudar a outras mulleres en lugares en conflito, que apoian a vítimas de violencia sexual, que combaten a ablación das nenas, que avogan pola liberdade de conciencia e pola liberdade de prensa, pola alfabetización, pola xustiza social, contra o matrimonio infantil… Son tantas e tan diversas as formas de violencia contra a muller!

Orgullosas. Estamos orgullosas e agradecidas de todas esas activistas que poñen as súas capacidades ao servizo da causa máis xusta.

Este ano celebramos un novo Día Internacional da Muller e volverán a unirse millóns de persoas (tamén moitos homes comprometidos), sairemos de novo á rúa para seguir levantando a voz por unha, por todas.

O noso inimigo leva séculos intentando someternos nun continuo asedio, esperando que nos rendamos por esgotamento e desgaste. Pero lonxe diso, as mulleres tecemos unha rede de solidariedade inexpugnable. Esa é a nosa fortaleza. Esa será a nosa vitoria. Non aceptamos a rendición.

Dende DiEM25, nós, as compañeiras que o formamos, apoiamos e secundamos a loita pola Igualdade, poñemos o noso grao de area para que este día, todas a unha, sexamos unha soa voz. Polo noso forte compromiso feminista, o noso sentimento solidario e a nosa fe inquebrantable na construción desa sociedade igualitaria que, sen dúbida algunha, chegará e será para todas, sen ningunha distinción.

“O día foi favorable para ela. Estaba vestida como conviña á súa beleza. Suntuosamente vestida. Vestida de Muller.” (Enheduanna, poeta e escritora acadia. A primeira da Historia)

Artigo de Marina Gutiérrez, loitadora feminista e activista do DSC Galicia1.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s