Sobre nós

En febreiro de 2017 nace DiEM25 Galicia co obxectivo de dinamizar o espírito europeo e sementar a inquedanza pola necesidade da súa democratización na sociedade galega. Dende este recuncho do Atlántico, queremos construír a Europa da liberdade,  a igualdade e a xustiza. Unha Europa centrada nos pobos e nas persoas. Unha Europa plural e diversa. Calquera outro proxecto será, ademais dunha volta atrás e ao pasado máis escuro, un paso no esfarelamento da democracia e, xa que logo, un paso cara o egoísmo e a violencia.

En DiEM25 somos conscientes que os valores europeos residen na Unión Europea, pero non na actual Unión, dirixida polos mercados e os grandes grupos de presión económicos, cuns intereses alonxados dos da xente. É por iso que queremos refundar a Unión Europea, máis próspera, máis social, máis xusta, máis igualitaria, máis próxima á cidadanía.

DiEM25 Galicia mira cara adiante, ao futuro, coas lentes dunha Galicia permanentemente aberta ao resto do continente. Buscamos a prosperidade e o progreso dunha Galicia profundamente democrática, cunha persepectiva europea, sen esquecer as nosas raíces e a nosa cultura.

Con esta premisa traballa o DSC Galicia1, formado por activistas de todo o país. O DSC organízase en base aos principios e normas descritas no noso Regulamento interno.

Un DSC local (DiEM25 Spontaneous Collective, ou Colectivo Espontáneo de DiEM25) é unha agrupación local do movemento autoorganizada e con autonomía de acción. O principio organizativo máis básico é a democracia.

Súmaste? Podes facelo aquí.

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: